Solarízate  

Aforrar enerxía é tan importante como producila de forma limpa. Por isto o bloque desenvolvido dentro do apartado AUDITORÍA quere ser un apoio ao sector docente, para que os Centros poidan desenvolver unha acción práctica en liña coa filosofía de conservación e respecto polo medio natural que promove o programa SOLARÍZATE.

En esencia é unha revisión do edificio, dos compoñentes que nos fornecen o confort e dos hábitos que temos á hora de usalo co obxectivo de atopar as oportunidades de mellorar a eficiencia enerxética (consumir menos enerxía asegurando o mesmo confort) por un lado, e de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (substituír fontes de enerxía contaminantes por outras de orixe renovable), por outro.

Non se pode considerar como unha guía sistemática de validez universal, senón como unha orientación que permita poñer en práctica unha experiencia que, en primeiro lugar, lles vai achegar uns coñecementos prácticos aos/as alumnos/as sobre un tema que lles será útil en moitos aspectos da vida fóra do Centro.

En segundo lugar, a actividade pode abrir un debate sobre o consumo do Centro, e ser o inicio dun proceso que, con seguridade, lle vai ser útil á entidade, pero que pode transcender eses límites e acelerar o cambio de actitudes no relativo ao consumo de enerxía que require a conservación do noso planeta.