Actividades prácticas para percibir as enerxías renovables
 
 

Obxectivo
Estas actividades escolléronse como forma de achegar ao/á alumno/a ás aplicacións que poden ofrecer as enerxías renovables en xeral e a enerxía solar en particular.

Pretenden atraer a atención do alumnado sobre a base dunha actividade que requira a construción dalgún prototipo e a súa posta en marcha mediante a axuda dalgunha forma de enerxía renovable.

Fundamentos
Escolleuse un modelo similar ao que se podería desenvolver en calquera clase de pretecnoloxía, e seleccionáronse un número de proxectos para cuxa realización non se necesite dispor máis ca do material que se acostuma ter en calquera centro de educación para o desenvolvemento de clases prácticas.

Detrás de cada actividade hai unha base de coñecementos sobre algunha disciplina física que se vai poder visualizar grazas ao vehículo do sol ou do vento. En xeral cada alumno pode realizar e ensaiar o seu propio prototipo, pero preténdese que a clase participe de modo colectivo á hora de pór os prototipos en funcionamento.

Ao finalizar a práctica, o/a alumno/a utilizará algún coñecemento de física ou de ciencias naturais, realizará algún traballo manual e terá a oportunidade de comprobar a transformación da enerxía.

Os esquema previsto para o seu desenvolvemento
Os traballos manuais ensambláronse nun marco típico de ficha en que aparece unha información previa para o profesor sobre a base que se deberá usar.

A continuación, a ficha detalla todo o proceso tanto no tocante a materiais coma á lóxica que se debe seguir para ir paso a paso e completar a actividade.

Cada ficha contén toda a información que pode necesitar tanto o/a profesor/a coma o/a alumno/a. En xeral, precisarase distribuír unha copia por alumno da ficha e ter realizado a actividade con anterioridade para poder resolver as dúbidas que poidan xurdir na fase de construción.