Enerxía solar
para a nosa vida cotiá

É un texto de apoio para a ampliación dos coñecementos dos docentes en materia do uso da enerxía solar. Deseñouse como unha guía de apoio que pretende ampliar os coñecementos sobre as enerxías renovables sen esquecer que o receptor desa información é un colectivo de persoas dedicadas ao ensino e que , probablemente, poidan aproveitar esa nova información nalgunha parte da súa tarefa docente.

Por iso, a guía centrouse en abordar as aplicacións mais cotiás e en limitar as explicacións a por que esas aplicacións teñen un oco na nosa vida cotiá e ao posible alcance das súas prestacións e ao servizo que podemos esperar delas.

Non é un documento técnico nin pretende substituír a ningún texto dos moitos que se editaron para comprender a base científica que hai detrás do funcionamento de moitas das aplicacións das enerxías renovables. Polo contrario, hai que esperar deste esforzo un labor de divulgación orientada a achegar o mundo das enerxías renovables en xeral e da enerxía solar en particular, á nosa vida cotiá a través de todo un cúmulo de aplicacións que pasan pola vivenda, a conservación de alimentos, a produción de auga quente, a xeración de electricidade, a transformación da biomasa en produtos de uso enerxético como a electricidade ou o combustible dos automóbiles ou, en último extremo, a percepción de que as canles dos ríos poden incluír entre os seus moitos beneficios o de producir electricidade.

Está estruturado en seis capítulos. O primeiro aborda a relación das enerxías renovables co esforzo de conservación ambiental, o segundo achega unha visión de como é e como podemos cuantificar a enerxía que recibimos, o terceiro introduce os conceptos esenciais do que é a produción de electricidade mediante as células fotovoltaicas, o cuarto dá unha pincelada sobre os compoñentes dunha instalación de electricidade solar fotovoltaica, o quinto repasa o mundo das aplicacións da calor que podemos sacar da enerxía solar, e o sexto permite botar unha ollada ao mundo das chamadas ‘outras’ enerxías renovables nas que se inclúe o vento, a auga ou a biomasa.